Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello de Oleiros oferta 60 prazas para participar nas tertulias literarias

Oleiros, 26 de setembro de 2016-. O Concello de Oleiros oferta 60 prazas para participar nas tertulias literarias que terán lugar na Biblioteca Central Rialeda de Perillo e na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz. Todas as persoas maiores de 16 anos poden apuntarse desde mañá martes na web municipal, no blog das bibliotecas municipais, nos teléfono 981 639 511 e 981 626 338 ou persoalmente nas propias bibliotecas.

As 60 prazas distribuiranse en tres grupos de 20 persoas, dous en Rialeda e un en Santa Cruz. Unha vez completados os grupos, as persoas que non obteñan praza pasarán a formar parte dunha lista de espera e serán avisadas cando haxa unha vacante.

As tertulias comezarán entre o 19 e o 26 de outubro, en función de cada grupo, e rematarán no mes de xuño. Nestas actividades realízase o comentario de obras de distintos xéneros literarios, principalmente narrativa contemporánea, pero tamén se le poesía, teatro e ensaio, nun ambiente de familiaridade, procurando o lado formativo e á vez, lúdico da lectura. O principal obxectivo é animar a ler, lendo, gozar da literatura como un desenvolvemento da capacidade de creación e comunicación a través da lectura, de maneira que compartindo ideas, reflexionando sobre temas diversos poidamos enriquecernos cos diferentes puntos de vista. Preténdese ir descubrindo a maneira de escribir de cada autor ou autora, os distintos estilos, o tipo de linguaxe que utiliza e analizar os textos escritos, os procedementos e características máis importantes de cada obra.
 
Ao longo dos meses iranse prestando aos participantes diferentes libros de autoras e autores da literatura galega, española e internacional, por este motivo é totalmente imprescindible que as persoas interesadas en participar se inscriban nalgunha das dúas bibliotecas, para ter praza e poder ter dispoñibles os exemplares necesarios de cada título.
 

back link