Oleiros, 16 de outubro de 2012-. O Concello de Oleiros conmemorará o Día Internacional para a erradicación da pobreza cunha función infantil, que terá lugar mañá 17 de outubro, ás 18.30 horas nas Torres de Santa Cruz. Trátase dun espectáculo de contacontos coa compañía A Tropa de Trapo, que representarán a obra titulada «Antía, Wamba e o regato pequeno» co subtítulo de «Contos para todo o mundo e para un mundo de todos».
Esta actividade de A Tropa de Trapo está patrocinada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Froito desta colaboración chega Antía, Wamba e o regato pequeno, dirixida a un público infantil e familiar. A función conta a historia de dúas personaxes, Antía, unha nena galega, e Wamba un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos de Wamba e as merendas de Antía fundiranse nunha amizade que lle ensinará a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese de regatos pequenos.
Ademais deste espectáculo, durante esta semana tamén se desenvolverán diversos contacontos nas bibliotecas municipais de Oleiros:
Biblioteca Pública Municipal "Manuel María". Oleiros
Hoxe, martes 16 de outubro
CONTACONTOS: Pavís - Pavós
TÍTULOS: “A bruxa Mimí”, “Os dous corcovados”, “O barco de papel”, “O coelliño branco”, “Monstros divertidos”
Biblioteca Central "Rialeda". Perillo
Xoves 18 de outubro
CONTACONTOS: Soledad Felloza
TÍTULOS: “Malvado conejito”, “La señora Mieier”, “Home Corvo”, "Cuento inédito de final extraño"
Biblioteca Pública Municipal "Mª José Trincado". Mera
Venres 19 de outubro
CONTACONTOS: Ramiro Neira
TÍTULOS: “O concurso de beleza”, “O pozo da mentira”, “Engurras”