Este novo procedemento permite que, consignando o código de expediente/traballo(s) do COAG na tramitación da licencia ou de outras autorizacións administrativas, e sempre e cando os técnicos redactores o teñan autorizado previamente, o Concello acceda á documentación técnica correspondente para incorporala á tramitación municipal. Isto permitirá descargar directamente a documentación visada no expediente municipal, tanto os ficheiros asinados como un PDF resumo que garante que coincide exactamente co proxecto aprobado polo COAG. Deste xeito, o persoal técnico pode revisar os proxectos con máis comodidade e seguridade. O sistema tamén permite identificar con claridade as modificacións cando se presenta un proxecto revisado, o que facilitará e axilizará a tramitación dos expedientes.
Nos casos de obra nova, o formulario xa está adaptado para este sistema, e nas obras máis pequenas que tamén requiren proxecto visado poderá empregarse igualmente esta vía, comunicando os datos necesarios.