Oleiros, 13 de febreiro de 2017-. O vindeiro xoves día 16 a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz acollerá a presentación do poemario Limaduras de prata de Luisa Abad. Na presentación tamén participará a poeta Antía Otero e ao final do acto María José Pérez poñeralle música aos poemas recollidos no libro.
Este libro, con poemas cargados de sentimentos e emocións, representa o segundo traballo desta autora. Durante o tratamento dun linfoma, Luisa Abad foi tecendo unha serie de poemas sobre as experiencias e emocións que estaba a vivir. Todo o que se recade coa súa venda vai ser destinado á Asociación Española contra o Cancro e os seus labores de investigación.
Luisa Abad naceu na Coruña. Licenciouse en Pedagoxía pola Universidade de Barcelona. Exerceu de mestra e profesora durante corenta anos na Coruña, Barcelona e Vigo. Limaduras de prata é o seu segundo poemario.