Oleiros, 26 de outubro de 2011-. O Goberno local de Oleiros mostra o seu apoio ao labor da plataforma SOS Sanidade Pública en defensa da sanidade pública e en contra dos recortes. O executivo local apoia as iniciativas emprendidas por esta asociación e participará de forma activa na concentración que se levará a cabo mañá xoves a partir das 20.00 horas no Obelisco da Coruña e na que estará presente o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane.
Esta plataforma presentou recentemente a Iniciativa Lexislativa Popular en defensa e promoción da sanidade pública galega, coa que o Goberno local de Oleiros se mostra totalmente de acordo e que se basea na defensa do carácter público da sanidade como garantía do dereito á saúde de todos os galegos, a xestión pública e directa dos servizos sanitarios e o rexeitamento ás formas de financiamento e xestión persoal introducidas pola Xunta de Galicia.
Ademais SOS Sanidade Pública propón incrementar a capacidade resolutiva da Atención Primaria mellorando os seus recursos e o acceso ás tecnoloxías diagnósticas, como base dun sistema sanitario accesible, equitativo e eficiente e manter do modelo descentralizado do sistema sanitario galego a través das áreas sanitarias, como espazos para a planificación, asignación e xestión integral dos recursos en base ás necesidades sanitarias da poboación e coa súa participación activa, iniciativas esixidas de forma local polo Goberno de Oleiros para os centros do municipio.