Hemeroteca

Asset Publisher

Back Continúa o caos e os abarrotamentos de pasaxeiros no servizo de transporte público en Oleiros

A Xunta de Galicia segue sen resolver os graves problemas creados no transporte público desde os cambios realizados o pasado 22 de xuño. A situación é de tal caos que no día de onte chegou a producirse unha avalancha para montar no autobús en Entrexardíns, que non tivo consecuencias peores grazas á responsabilidade dun par de mozos que se xogaron o físico.

Resulta incomprensible que existindo unha forte demanda, incrementada no verán pola afluencia de persoas ás praias, se eliminasen frecuencias e liñas, e tampouco se permitise a extensión do bus urbano da Coruña ata Santa Cristina. Así, os buses van ateigados, deixando a numerosas persoas nas paradas sen poder montar. Ante o abarrotamento de pasaxeiros e pasaxeiras, ocúpanse os espazos para persoas con cadeiras de rodas, que están a ter case imposible o acceso aos autobuses.

A cidadanía tamén esta a denunciar que se producen numerosos retrasos e que hai buses que non chegan a pasar. En cambio, noutras ocasións pasan dous seguidos.

A Xunta de Galicia está demostrando unha incompetencia total na xestión do servizo de transporte público, que están a sufrir centos de veciños e veciñas de Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo, que se ven obrigados a deixar de usar o autobús para os seus desprazamentos. É unha vergoña que despois de dúas semanas denunciando esta situación por parte do Concello e de centos de usuarios e usuarias aínda non se obrigase á concesionaria do servizo a recuperar as frecuencias e liñas eliminadas na súa totalidade.

back link