Oleiros, 16 de abril de 2022-. As Torres de Santa Cruz acolle o vindeiro xoves 21 de abril, ás 20:00 horas, a presentación da obra teatral Queendom de Carlos Colino. O acto estará presentado polo xornalista Fernando Molezún e tamén contará coa participación do profesor Daniel Doval.
Queendom é unha obra de teatro musical baseada na vida de Xesús de Nazaret. Este espectáculo narra os momentos máis importantes dos evanxeos acompañados coa música do famoso grupo británico Queen. O proxecto transcendeu do ámbito escolar para converterse nun libro.
Carlos Colino estudou Maxisterio e Estudos Teatrais e Psicopedagoxía na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e exerce como docente no colexio Santa María del Mar. No 2001 creou un grupo de teatro co alumnado do centro.