Hemeroteca

Asset Publisher

Back As coidadoras e coidadores das persoas dependentes de Oleiros participarán nun encontro con out

Oleiros, 17 de novembro de 2011-. Este venres 18 de novembro o grupo Descubrindo e coidando emocións do Concello de Oleiros participará nun encontro con outros grupos de apoio. As  persoas participantes desprazaranse á localidade luguesa de Chantada onde intercambiarán impresións con coidadores e coidadoras da asociación AFACO da Coruña e o grupo Mellorando, de Chantada.

Este é o segundo encontro que fan para continuar o traballo iniciado no primeiro, celebrado en Oleiros no pasado mes de xuño. Estes encontros pretenden poñer en contacto tres experiencias diferentes de intervención con coidadores e coidadoras co obxectivo de mostrar os diferentes puntos de vista das persoas coidadoras. Búscase tamén atopar un espazo de compañía, non só de experiencias á hora de atender as persoas dependentes, senón tamén de saúde e benestar das persoas que coidan.

As actividades en grupo deste tipo reducen a ansiedade dos coidadores e coidadoras, xa que ao estar con persoas que pasan pola mesma situación danse conta de que a visión da realidade é semellante. Por outro lado, aumenta a sensación de apoio, diminúe considerablemente a soidade nas atencións, por iso o apoio social é unha das ferramentas máis importantes de motivación nos coidados.

Estas actividades considéranse estratéxicas desde a Concellería de Servizos Sociais, Sanidade e Consumo do Concello de Oleiros dentro da liña de traballo coas persoas con dependencia e as súas familias, sendo continuidade a unha liña de actuación que se vén desenvolvendo desde o ano 2009.

Os grupos das tres localidades  da nosa comunidade reúnense coa intención de compartir e sumar benestar na súas vidas, que polo xeral están organizadas en torno ás atencións diarias que deben facilitar aos seus familiares.

Neste segundo encontro traballarán  conxuntamente na definición do coidador e da coidadora. Estes espazos de traballo crean  redes de intercambio e dan voz a un colectivo. Un colectivo que quere amosar aos demais as súas inquedanzas e vivencias, por iso neste novo encontro abrirase a participación de todo o público que o desexe, que desde as 16.00 ata as 18.00 h pode achegarse ata a Casa da Música de Chantada a coñecer desde a propia voz dos coidadores e das coidadoras as reflexións xurdidas nos diferentes grupos de traballo.

Proximamente, continuará o traballo para celebrar un terceiro encontro, organizado por AFACO, na cidade da Coruña durante a primavera do próximo ano 2012.
 

back link