Oleiros, 17 de abril de 2018-. O Concello de Oleiros, en colaboración coa Deputación da Coruña, entregará gratuitamente 400 libros nas bibliotecas públicas municipais durante os vindeiros días. Esta campaña forma parte do programa provincial Libros para sermos libres.
A entrega de libros realizarase o día 20, ás 18:30 horas, na Biblioteca Mª José Trincado de Mera; o día 23, ás 18:30 horas, na Biblioteca Mª José Ruso de Dorneda; os días 24 e 25, ás 17:30 horas, na Biblioteca Central Rialeda de Perillo; e o día 25, ás 18:30 horas, na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz.
Ademais, as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros organizan outras actividades de promoción da lectura para conmemorar o Día Internacional do Libro. Haberá contacontos, espectáculos teatrais, narracións dramatizadas, charla de divulgación científica, tertulias literarias, obradoiros de banda deseñada, obradoiros de poesía e exposicións de libros e mostras bibliográficas.