Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás As bibliotecas municipais énchense de actividades durante todo o outono

Oleiros, 16 de setembro de 2016-. Unha tempada máis, as bibliotecas municipais organizan actividades de promoción da lectura dirixidas a nenas e nenos. Entre os meses de setembro e decembro, as sete bibliotecas do Concello de Oleiros acollerán 45 sesións de diferentes actividades infantís para fomentar a lectura e animar a que se visiten as bibliotecas no tempo libre.

Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e en colaboración coas bibliotecas de Oleiros. Con este programa as nenas e os nenos poderán fomentar a creatividade con distintos obradoiros, divertirse e aprender con sinxelos experimentos científicos, escoitar  contacontos, gozar cun taller sobre a arte nos libros ou entreterse cun espectáculo de maxia.

A hora do conto é unha actividade tradicional nas bibliotecas municipais. Lévanse a cabo diferentes sesións de contacontos dirixidas a nenas e nenos menores de 10 anos. Nárranse ou dramatízanse un ou varios contos, cun enfoque lúdico e unha vivencia activa e participativa cos libros, fomentando a creatividade, como unha invitación a viaxar a un mundo máxico de imaxinación e fantasía. Este ano estas sesións auméntanse con outras propostas diferentes como obradoiros de ilustración con alimentos, outros de creación de fósiles de dinosauros ou de encadernación “scrapbooking”.

Os obxectivos que se intentan conseguir son, principalmente, a promoción da lectura, pero tamén que as nenas e nenos participantes se divirtan escoitando contos, facer novas lectoras e lectores ou consolidarlles este hábito, que descubran a diversidade dos libros e o pracer pola lectura e que vivan o libro en colectividade xunto con outras nenas e nenos.

Participarán as contadoras e contadores Soledad Felloza, Maumarela, Juste Kamishibai papel e teatro, Os Quinquilláns, Crearte Servizos Culturais, Pablo Díaz, Raquel de OQO, Luís Vallecillo, Xulio Varela, Elefante Elegante, Teatro de marionetas Trécola, A illa d@s nen@s, Chío Couto, Efervesciencia, Vicente Mohedano, Mirai Urruzola, Sonia Ojea, Charo Pita, Ramiro Neira e a compañía Trinke-Trinke.
 

back link