Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás A negativa do PSOE da Coruña á creación da Área Metropolitana ataca gravemente ao interese xera

Oleiros, 19 de outubro de 2017-. Fraco favor lle fan ao PSOE algúns dos representantes que ten este partido no Concello da Coruña. Concretamente José Manuel García, voceiro municipal do grupo socialista, vén de manifestar a súa oposición á creación da Área Metropolitana da Coruña, sen aportar argumentos de ningún tipo, simplemente por crer que a creación da Área favorecería ao actual alcalde da cidade.

O que se está a perseguir polo conxunto dos concellos da comarca é unha mellor prestación dos servizos públicos e o seu abaratamento. Tamén se pretende a constitución dun ente forte para poder reclamar aquelas infraestruturas imprescindibles para o progreso e o desenvolvemento da Área, que foron negadas constantemente ao longo dos anos polos distintos gobernos do Estado e da Xunta.

O voceiro municipal do PSOE na Coruña ten a desvergoña de manifestar que grazas á “xenerosidade” da cidade os 9 concellos da comarca benefícianse da planta de residuos de Nostián. Debería coñecer o señor García que, no seu día, case todos os municipios demandaron que a infraestrutura se instalara no linde entre Laracha e Culleredo pero debido á decisión persoal do entón alcalde da Coruña a planta levouse para onde se atopa hoxe, converténdose nun segundo Bens polos graves problemas que orixina a inexistencia de reciclaxe.

Non é menos escandalosa a situación na explotación do servizo da auga, da que tamén falou o voceiro socialista da Coruña nas súas manifestacións, e cuxas infraestruturas atópanse repartidas entre o concello de Cambre e o de Abegondo. Precisamente a conta dos concellos da comarca e dalgunhas empresas, a cidade da Coruña ten montado un negocio ilícito que dá pingües beneficios –non permitidos por lei- á empresa municipal Emalcsa. Nas taxas de recollida do lixo e de consumo de auga deben recadarse o total dos gastos que orixinan eses servizos. O que non permite a lei é obter beneficios a conta dos cidadáns. Uns beneficios que o propio voceiro do PSOE negocia repartir nas chantaxes políticas que lle fai ao Goberno da Coruña.

É miserento ver como os representantes do PSOE na cidade fan de comparsas do PP. Igual pensa José Manuel García que na próxima lexislatura podería ser alcalde cos votos maioritarios do Partido Popular, ao igual que aconteceu en Coristanco. Na recomposición do PSOE en Galicia, alguén debería tomar medidas para evitar que esta desafortunada política que levan a cabo os representantes do partido no Concello da Coruña dane os interese xerais da cidadanía de toda a comarca.
 

back link