Oleiros, 7 de xuño de 2012-. O Concello de Oleiros informa de que, tras rematar o período extraordinario de solicitudes para a Escola Infantil A Braña de Mera, pódese confirmar que as 41 prazas das que dispón estarán cubertas o próximo mes de setembro ao inicio do curso escolar. Presentáronse un total de 58 solicitudes que permitirán cubrir todas as prazas ofertadas en cada un dos niveis. A maior demanda, como é habitual, concéntrase no grupo de nenos e nenas de 1 a 2 anos de idade.
A partir de mañá, venres 8 de xuño, están expostas na web do Consorcio Galego e no taboleiro do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Oleiros a listaxe provisional das solicitudes admitidas, con praza e en listaxe de agarda, as excluídas.
O prazo para presentar reclamacións estará aberto ata o 18 de xuño. Estas poderán presentarse no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Oleiros.
Acordo de cesión
Por outra banda, o Pleno Municipal do Concello de Oleiros tratará esta tarde o acordo de cesión da escola ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, trámite necesario para incorporala á rede galega de escolas infantís, situando a Oleiros, con catro escolas na dita rede, á cabeza dos concellos en canto a número deste tipo de equipamentos. Nestes días estase a traballar conxuntamente entre o Concello de Oleiros e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar para equipar a escola e acondicionar os espazos exteriores coa finalidade de que poida abrir as súas portas o vindeiro mes de setembro.