Oleiros, 26 de marzo de 2021-. O alcalde e deputado provincial, Ángel García Seoane, retirou a moción que tiña previsto presentar no pleno da Deputación da Coruña para solicitar a urxente contratación das obras de ampliación nun tramo da estrada que vai de Coruxo a Montrove, fronte ao Pazo de Lóngora. Ante o firme compromiso da Deputación de abordar esta obra este ano, o alcalde retirou a súa proposta.
Esta estrada ten un elevado tránsito de vehículos e peóns, o que require dunha ampliación do vial desde a Deputación, dotándoo de beirarrúas ou beiravías. Nestes momentos non chega a ter un ancho superior aos catro metros, sendo unha estrada de dobre sentido de circulación.
Estas melloras foron solicitadas en distintas ocasións polo Concello de Oleiros, que achegou un anteproxecto. Desde o Goberno municipal tamén se logrou o solo necesario para a ampliación, por cesións e por expropiacións, polo que neste momento non existe traba algunha.