Oleiros, 11 de maio de 2018-. O Concello de Oleiros está a desenvolver unha actividade de sensibilización con cans entre o alumnado de 2 e 3 anos das 4 escolas infantís públicas do Concello de Oleiros. A Concellería de Servizos Sociais desenvolve por segundo ano consecutivo unha actividade dirixida a mellorar a comunicación entre os cans e os nenos e nenas a través dunha intervención asistida con animais.
A protagonista da actividade é Nuba, unha fermosa cadela Golden Retriever de 4 anos, a través da cal os máis pequenos e pequenas aprenden como achegarse a un can, como hai que pasealo. Coñecen as súas partes, cepíllana e paséana…, o obxectivo é que os/as menores saiban o que deben e o que non deben facer ante un can para coñecelos, coidalos axeitadamente e evitar accidentes.
Estas intervencións son programas deseñados para promover melloras na función física, social, educacional, emocional e/ou cognitiva das persoas.
A actividade realizarase nas 9 aulas de 2 e 3 anos das Escolas Infantís A Braña en Mera, A Pardela nos Regos, As Galeras en Bastiagueiro e A Canteira en Perillo, polo que finalmente será unha actividade que chegará case a 200 nenos e nenas.