Oleiros, 9 de outubro de 2017-. A Banda da Escola Municipal de Música do Concello de Oleiros ofrecerá un concerto o vindeiro venres ás 22:30h na Casa da Cultura da localidade valenciana de Puçol. Este desprazamento, o segundo que realiza a agrupación municipal fóra de Galicia, permitirá amosar o extraordinario traballo que veñen realizando os músicos e músicas oleirenses desde hai anos.
Ademais do concerto, os máis de 60 músicos e músicas desprazados ata terras valencianas aproveitarán a viaxe para facer diferentes visitas culturais durante toda a fin de semana. O obxectivo desta viaxe é crear un espazo de convivencia e de intercambio de experiencias artísticas, culturais e persoais entre as persoas integrantes da banda de Oleiros e da Banda de Música del Centre Musical i Instructiu Santa Cecília de Puçol.