Os Puntos Violeta son espazos seguros de referencia, atención e acompañamento, atendidos por profesionais especializadas en igualdade, diversidade e violencias machistas. Dispoñen dun Protocolo de Actuación ante calquera tipo de agresión, en coordinación directa coas forzas e corpos de seguridade e os servizos sanitarios.
Ademais de ofrecer atención directa, os Puntos Violeta tamén funcionan como espazos de sensibilización abertos á cidadanía, nos que se proporciona material informativo e se desenvolven accións divulgativas e participativas adaptadas a todas as idades.
Ao longo de todo o ano, o Concello está a instalar Puntos Violeta nas diferentes parroquias e festexos, dando continuidade un ano máis á campaña: “Non faltes á festa, pero de festa non faltes. Por unhas festas libres de violencias machistas.”