Asset Publisher

Back Día das Bibliotecas 2025 en Bibloleiros

Día das Bibliotecas 2025 en Bibloleiros

Desde 1997, cada 24 de outubro, se celebra o Día das Bibliotecas, en lembranza da destrución da Biblioteca de Sarajevo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico. A partir de 2019, o Ministerio de Cultura incorporou o lema “Aptas para todos os públicos”.
O lema deste ano, "Contra a desinformación: bibliotecas", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas de calquera tipo (municipais, escolares, universitarias, etc) na loita contra a desinformación.
As bibliotecas combaten a desinformación non só a través dos seus recursos (coleccións bibliográficas e prensa, bases de datos) se non tamén a través dun uso axeitado das tecnoloxías da información. Sobre todo, as bibliotecas son un dique de contención contra a desinformación grazas ao seu persoal bibliotecario, que traballa como mediador do coñecemento, guiando ás-aos usuarias-os na busca de información en fontes fiables e contrastadas.

As-os profesionais da información levan desenvolvendo desde hai tempo labores de infomediación, intervención que é agora máis necesaria que nunca. As bibliotecas como servizos e axentes da comunidade, debemos constituír un elemento facilitador neste proceso: reubicando e redefinindo as novas alfabetizacións mediáticas, fomentando o pensamento crítico e convertíndonos nun elemento clave no noso papel de defensa da sociedade no que respecta ao debate das posverdades e trolas, que comeza a estar na axenda política de organismos e gobernos. A viralidade e inmediatez coa que a información circula polas redes, forza a comportamentos rápidos no seu consumo e difusión. Moitas-os internautas non van máis aló do resume da noticia en redes, sen verificar o contido xeral da noticia que moitas veces ten pouco que ver co seu rechamante titular.

Á programación habitual das Bibliotecas Municipais de Oleiros (Tertulias literariasHora do contoExposicións bibliográficas, etc) queremos xuntar para este día a proposta de Lecturas Sorpresa: este ano escollemos a ficción literaria como canle axeitada para comprendermos realidades, conflitos e desencontros, históricos ou contemporáneos. Suxerimos citas a cegas con novelas que nos presentan dúbidas, debates e cuestións candentes, intoxicadas, moitas veces, con posverdades, noticias falsas, trolas e desinformación. Novelas cun aquel especial, escollidas para ti. Como ben dixo Amos Oz, "se les unha novela, consegues unha entrada aos pasadizos máis secretos doutro país e doutro pobo. A lectura dunha novela é un convite a visitar as casas doutras persoas e a coñecer as súas estancias máis íntimas". Podes participar nesta actividade na Biblioteca Central Rialeda (Perillo).

Feliz Día das Bibliotecas 2025!!!

Fontes: Ministerio de CulturaConsejo de Cooperación BibliotecariaRevista profesional de la información