Adivina Producciones quere celebrar os 20 anos da súa sede como produtora audiovisual en Oleiros coa entrega de 100 copias en DVD, con 10 das súas películas e documentais máis emblemáticos, que se poñerán a disposición dos veciños-as de Oleiros a través do Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello.
O acto de presentación e entrega dos exemplares da colección terá lugar o mércores 9 de marzo, as 19:30h na Biblioteca Central Rialeda e contará coa presenza da produtora Susana Maceiras e do director Jorge Algora. Durante o mesmo proxectarase un vídeo cos adiantos da colección.
O acto de presentación e entrega dos exemplares da colección terá lugar o mércores 9 de marzo, as 19:30h na Biblioteca Central Rialeda e contará coa presenza da produtora Susana Maceiras e do director Jorge Algora. Durante o mesmo proxectarase un vídeo cos adiantos da colección.
Trátase das películas de ficción “O neno de barro” gañadora de 9 premios Mestre Mateo da Academia Galega, “Mentíndolle á vida” gañadora do Mestre Mateo á mellor película para televisión e “A pesar de todo… Quérote”, película rodada na súa maioría en Oleiros.
A entrega complétase cos documentais “Terra de náufragos”, que recolle as testemuñas dos protagonistas de diversos naufraxios nas costas galegas, “Emigrantes en terra de emigrantes” que monta un paralelismo entre os-as galegos-as que tiveron que emigrar nos anos 60, cos-coas emigrantes que chegan a Galicia, “O reloxeiro” que afonda na vida de Evangelino Taboada, un mestre reloxeiro que sufriu a represión do franquismo, “A mirada de Anna” que conta a historia da Transición en Galicia a través das fotografías da reporteira Anna Turbau, “Trawnco, reunidos xunto á auga” que narra as experiencias dun grupo de arxentinos-as que tras a crise do “corralito” constrúen o seu refuxio no campo, “Unitarias. Historia dun mestre galego” que recolle os avatares dos-das Mestres-as e alumnos-as das escolas do rural, e “Camiño de Santiago. A orixe”, unha visión histórica sobre os acontecementos de deron forma ao Camiño de Santiago.
Todas elas cun denominador común, foron creadas, producidas e postproducidas en Oleiros.
A intención de Adivina é que os veciños-as que se acheguen a colección poidan entreterse, descubrir lugares e personaxes vinculados co seu Concello, reflexionar sobre aspectos sociais e históricos que nos afectan a todos, e ter unha visión de conxunto sobre o seu traballo e a súa mirada sobre o mundo.
