Asset Publisher

Back OLEIROS VAI DE MUSEO

 

O Departamento de Cultura ten prevista unha visita guiada o xoves 1 de decembro á exposición Sorolla íntimo. Bosquexos da serie Visión de España.

Esta exposición mostra por primeira vez ao público 32 bosquexos que Joaquín Sorolla realizou como preparación para a súa obra Visión de España, un dos traballos máis esixentes da súa carreira e dos proxectos máis importantes composto por catorce paneis monumentais sobre as rexións de España que o artista pintou para a biblioteca da Hispanic Society of America.

Durante casi unha década, Sorolla viaxou por toda a xeografía española captando in situ a luz, as cores, os costumes, as tradicións, as festas e o traballo das diferentes rexións recreando nos seus lenzos unha visión fundamentalmente plástica e moi persoal de España.O resultado de todos estes anos de traballo foi un conxunto de debuxos e augadas, que permite asomarse ao propio proceso creativo e coñecer as diversas composicións parciais que, combinadas e superpostas entre si, serviron para construír a complexidade e monumentalidade dos paneis finais.

Pero, xunto ao interese artístico e monumental que os propios bosquexos lle achegan á exposición, na súa sede coruñesa a mostra cobra un sentido especial porque se complementa cun excelente lenzo propiedade do Museo de Belas Artes, O boieiro castelán, o que ademais suporá unha magnífica oportunidade para poder contextualizar a obra que se exhibe nas salas da exposición permanente do museo; así como outros dous lenzos de tema galego que reforzan a significación e a presenza que tivo Galicia na obra do pintor,Gaitero gallego Tipo de Galicia.

O prazo de inscrición ábrese o mércores 23 de novembro e ofértanse un total de 50 prazas para persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

 

Máis información e inscricións no Departamento de Cultura.

Centro cultural A Fábrica, rúa do Inglés, nº 13 – 15172 Perillo (Oleiros)

Tel.: 981 636 598 - 981 610 000 Ext.: 4915 e 4916

r.caparros@oleiros.org

cultura@oleiros.org