DANZA. Programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña
Sábado 8 de outubro ás 20:30 horas
Auditorio Gabriel García Márquez (Mera)
Kirenia Danza presenta Emigrantas
Emigrantas é unha peza de danza sobre a última diáspora galega con perspectiva de xénero. Dúas intérpretes en escena viven unha experiencia central na súa xeración: a emigración e o retorno da derradeira diáspora, distintas das anteriores pero mantendo o pasado na memoria. A última vaga migratoria, debedora da crise, é multipolar e multicausal. Hai unha necesidade urxente de modificar o discurso clásico das migracións, válido para entender os éxodos transoceánicos de principios do século XX pero non os presentes.
Un grupo de mulleres creamos Emigrantas, unha peza de danza para bailar datos, estatísticas, vivencias, intuicións e posibilidades; pezas coas que tecer un ensaio bailado sobre a actual diáspora galega en compaña doutras comunidades de emigrantes, dentro e fóra da Galicia interterritorial.
O motor destas Emigrantas é pensar a actual vaga migratoria presente en complicidade con comunidades galegas no exterior e outras emigrantes en Galicia, para así construírmos unha peza que nos leve xuntas diante do presente fenómeno migratorio.
Dirección e coreografía: Kirenia Martínez Acosta
En escena: David Loira e Esther Latorre
Texto: Branca Novoneyra
Espazo sonoro: Babykatze e Bruno Baw
Vestiario: Jandro Villa
Prezo: 4,00 €