Oleiros, 14 de setembro de 2012-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, compareceu esta mañá ante os medios de comunicación para anunciar a súa intención de denunciar ante o Consello Xeral do Poder Xudicial a unha xuíza por unha posible prevaricación. O mandatario sinalou que se trata da maxistrada do Xulgado de Instrución Número 5 da Coruña, quen desde fai máis de seis anos mantén aberta unha causa contra o propio García Seoane por mor dunha denuncia efectuada no seu día por grupos políticos da oposición. Dita denuncia conta con dous minuciosos informes da Fiscalía que piden o arquivo da causa ao non atopar indicios de delito por parte do alcalde. A pesar destes dous informes, a causa non foi arquivada en todo este tempo pola maxistrada, quen recentemente decidiu continuar as dilixencias ao intuír un posible delito de negociación prohibida.
García Seoane censurou a actuación da xuíza neste caso e denunciou animadversión cara á súa persoa por parte desta maxistrada residente en Oleiros. O rexedor desvelou que tanto o seu marido, tamén xuíz, como ela foron expedientados nos últimos meses polo Concello ao cometer unha infracción urbanística ao ampliar a superficie da súa vivenda sen contar co solo necesario para facelo. O rexedor sinalou que o matrimonio tivo que adquirir chan dunha finca lindeira para regularizar a situación da súa vivenda. Segundo García Seoane a sanción imposta polo Concello é o motivo polo que a xuíza non arquiva definitivamente a causa aberta contra el e decide agora continuar coas dilixencias.
O rexedor asegurou que investirá todo o seu esforzo en facer xustiza e lamentou profundamente que este tipo de actuacións ocorran na España actual. «Non se poden cambalear os alicerces da Democracia, e un deses alicerces sen dúbida é a Xustiza. Hai que terminar con este tipo de condutas inxustas e abusivas que atentan contra unha persoa honesta, honrada capaz e con ideoloxía como eu», destacou.