Hemeroteca

Asset Publisher

Back Traballadores denuncian o abandono da Residencia de Maiores de Oleiros por parte da Xunta

Mentres o Goberno da Xunta promete para despois das próximas eleccións municipais a creación de centos de prazas (o 40% privadas) en novas residencias de maiores en concellos gobernados polo PP; o actual sistema público da Xunta de Galicia presenta graves carencias que repercuten directamente na calidade de vida das persoas. É o caso da Residencia de Pousada, en Oleiros, na que persoal dirixiuse esta mesma semana ao Concello para denunciar o estado de deterioración das instalacións pola falta de mantemento do centro, que depende exclusivamente da Xunta de Galicia.

Segundo explicaron ao Concello, o edificio presenta importantes danos estruturais e numerosas goteiras que afectan diferentes espazos da residencia, ata o punto de que o propio persoal se ve obrigado a utilizar cubos para recoller a auga e colocar sabas ou outros medios improvisados para intentar evitar que as filtracións causen maiores problemas. As persoas traballadoras tamén alertaron do mal estado de diversa maquinaria e equipamentos, así como da falta de determinados equipos de protección individual (EPI) necesarios para desenvolver o seu traballo nas condicións adecuadas de seguridade.

A situación da Residencia de Pousada contrasta co discurso da Xunta sobre a ampliación da oferta residencial para persoas maiores. O Goberno galego xa anunciou ao longo dos últimos anos diferentes obras para o incremento do número de prazas, que non chegaron a materializarse agás aquelas realizadas pola Fundación Amancio Ortega. Mentres, os centros que xa forman parte da rede de atención residencial presentan problemas de conservación e mantemento que non poden ser ignorados, ante o que se require actuacións inmediatas para garantir o benestar das persoas maiores.
 

back link