As librarías e editoriais presentes nos postos instalados destacaron o excelente ritmo de vendas durante todo o día. O interese do público por descubrir as novidades editoriais e por adquirir exemplares asinados polos autores e autoras convidados foi a nota dominante dunha xornada marcada polo bo ambiente e o compromiso co sector do libro.
O Goberno local amosou a súa fonda satisfacción polo desenvolvemento desta terceira edición. Oleiros volveu demostrar que é un concello que ama a lectura e que apoia decididamente ás nosas librarías. Ver as rúas cheas de xente con libros nas mans é a mellor proba de que esta iniciativa está xa consolidada.
Ademais da venda de libros, o programa de actividades complementarias —que incluíu contacontos, obradoiros infantís, encontros literarios, música en directo e unha representación teatral a cargo do alumnado do IES Neira Vilas— contribuíu a dinamizar o espazo e a atraer a un público familiar, cumprindo co obxectivo de fomentar o hábito de ler entre os máis novos dun xeito lúdico e participativo.
O Concello de Oleiros quere agradecer a implicación de todos os libreiros, profesionais do sector, escritores, escritoras e, especialmente, da cidadanía, que coa súa presenza fixo posible que esta III Festa do Libro na Rúa fose un éxito.