No caso de Bastiagueiro, para a realización destas obras de construción de novas edificacións, a persoa propietaria da parcela non solicitou a correspondente licencia municipal. De facelo, tampouco obtería nunca permiso dado que a parte da parcela na que construíu as novas edificacións está cualificada polo Plan Xeral como zona verde e atópase no espazo de protección de costas. De forma totalmente ilegal, creou unhas novas edificacións con diversas estancias e ampliou a pérgola preexistente, na mesma finca onde estaba a caseta que o ditador Francisco Franco utilizaba para o baño.
Nas proximidades da praia de Naval, en Dorneda, tamén ilegalmente se procedeu ao recheo dunha finca con centos de camións de terra. Como resultado desa actuación modificouse totalmente o nivel e a orografía, ata o punto de elevarse en máis de 5 metros sobre as fincas colindantes. Ante a denuncia do Concello, neste momento atópanse xa en execución as obras de restauración.
No Concello de Oleiros existe un Plan Xeral urbanístico que regula o que se pode facer no territorio. Para a realización de calquera tipo de obra é necesario axustarse ao establecido no Plan Xeral e contar coa pertinente autorización municipal. A diferencia da inmensa maioría de municipios, aquí non é posible saltarse as normas nin existen distincións entre os cidadáns en función dos seus recursos económicos.