Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello de Oleiros solicitará ao Estado máis de 311.000 euros para reparar os danos causados polos temporais na praia de Naval

O Goberno municipal aprobará no pleno municipal extraordinario que se celebra mañá venres ás 13:30 horas en Casa Charry a solicitude dunha subvención ao Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática para financiar as actuacións de reparación dos importantes danos ocasionados polos temporais e as intensas choivas rexistradas entre novembro de 2025 e febreiro de 2026 no noiro do aparcadoiro da praia de Naval, en Santa Cruz. A petición realizarase ao abeiro da convocatoria estatal destinada á recuperación de zonas afectadas gravemente por emerxencias de protección civil.

As fortes precipitacións e os continuos temporais provocaron un importante desprendemento do terreo no noiro do aparcadoiro da praia de Naval, xerando unha situación de risco para a seguridade das persoas e afectando tanto ao acceso peonil á praia como ao vial e ao propio aparcadoiro. Ante esta situación, o Concello actuou de inmediato mediante un procedemento de emerxencia para estabilizar a zona e eliminar o perigo existente. Durante a execución dos traballos foi necesario reforzar a base do muro de contención para garantir a súa estabilidade fronte á acción das mareas, o que supuxo ampliar as actuacións inicialmente previstas.

Agora, o Goberno municipal solicitará unha subvención para financiar dous proxectos cun investimento total de 311.780,66 euros. O primeiro corresponde ás obras de contención do pé do noiro, cun importe de 156.840,60 euros, xa executadas mediante tramitación de emerxencia. O segundo consiste na actuación complementaria para a restitución da infraestrutura danada e a integración ambiental da intervención, cun orzamento de 154.940,06 euros, que permitirá completar a estabilización definitiva do noiro.

Con esta solicitude, o Concello de Oleiros aspira a que o Estado asuma as súas competencias e participe no financiamento dunha actuación imprescindible para reparar os danos ocasionados por un episodio meteorolóxico extraordinario e para reforzar a protección dun tramo especialmente sensible da costa do municipio.
 

back link