Asset Publisher

Back Limiar

 0.LIMIAR
          

O Servizo Municipal de Educación da Concellería de Ensino e Xuventude propón para este Curso Escolar 2012/13 unha ampla oferta de programas educativos que teñen como destinatarios aos nenos e ás nenas dos colexios públicos de Oleiros, ao seu profesorado, e de xeito indirecto as familias, como responsables primarios da educación dos seus fillos e fillas.

Os programas, actividades e recursos que aquí vos achegamos son o froito de anos da boa, permanente, constante e activa relación cos centros escolares públicos do noso municipio, nomeadamente as escolas de educación infantil e os colexios de educación infantil e primaria. Por iso, este resultado sometido ao peneirar do paso do tempo converteuse no que denominamos “os grandes clásicos” da oferta educativa do Concello de Oleiros. Estes programas fundamentais que nalgún caso xermolaron hai máis de trinta anos, forman xa parte dos sinais de identidade deste “Concello educador”, que pola súa supervivencia ao longo de todo este percorrido teñen que ser facho na andaina dos alumnos e alumnas de xeracións vindeiras. Esta actuación educativa continua pretende participar no proceso de creación dun futuro diferente que nace dos valores universais e irrenunciables dos nenos e nenas como cidadáns de pleno dereito.

O Servizo Municipal de Educación de Oleiros, fai a súa achega a través da presente programación para que o neno e a nena sexan cidadáns e cidadás protagonistas do cambio e mellora das súas condicións de vida dende o ámbito local, para logo desenvolver iniciativas que repercutan noutros eidos que dinamicen o seu benestar individual e comunitario: a saúde, a educación, o xogo, o medio ambiente, a lingua, a cultura, as artes.

A oferta educativa que aquí presenta o Servizo Municipal de Educación vos propón:

-Seis destinos diversos e moi atractivos para o programa excursionista  “Aprendemos na Natureza”, programa que leva dezanove edicións ininterrumpidas.

-Quince roteiros para o alumnado de educación infantil e primaria no programa “Coñecer Oleiros” e ”Contorna Oleiros”, que botaron a andar hai vinteún e once anos respectivamente.

-Seis excursións dun día de duración a outras tantas marabillosas vilas do noso país, con “Un día en Galicia”.

-Sete “hortas escolares” e arredor de seiscentos setenta nenos de 2 a 5 anos, participando nelas semanalmente.

-Unha representación escénica con música/danza en directo, de carácter pedagóxico, para o alumnado dos centros públicos de ensino de Oleiros.

-Un programa de actividades extraescolares para desenvolver na Casa do Pobo de Nós e no CEIP Plurilíngüe “I. Parga Pondal” de Liáns.