ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES INFANTÍS MUNICIPAIS
INTRODUCIÓN :
Coa ilusión de que as actividades axuden a educar no tempo libre, nenos e nenas máis sans e felices e como en cursos anteriores, son tres os bloques de actividades ofertados para os picariños/as, que este ano denominamos : Diverxogos, Diverarte e Divernatura, cada un deles son conducidas por profesionais da educación e a animación.
As características fundamentais do programa serán:
- Ofrecer actividades educativas ás familias, preto dos seus fogares
- Percibi-las Casas do Pobo e a súa contorna, como un lugar propio para desenvolve-los seus momentos de xogo e divertimento.
- Facilitar a iniciativa e creatividade dos mais pequenos
- Espertar o sentido participativo dos pequenos/as
- Educar en valores e actitudes de tolerancia, respecto, solidariedade, amizade e sensibilidade polo medio
- Desenvolvemento de capacidades motoras como medio de relación co mundo que os rodea
- Acostumar aos pícaros a aceptar a diferenza e diversidade como elementos positivos
- Impulsar a comunicación o contacto e o traballo en equipo como medio de resolución de problemas
O xogo é unha necesidade vital do ser humano, unha actividade indispensable para o desenvolvemento dos nenos e das nenas, a actividade máis importante da infancia, a profesión dos rapaces e rapazas, un medio de aprendizaxe espontánea, un campo de experimentación de hábitos intelectuais, físicos, sociais, morais... O xogo produce pracer en si mesmo, sempre á marxe de metas ou obxectivos externos ó propio xogo. Por último, na actividade lúdica hai un predominio dos medios sobre os fins, sendo a finalidade do xogo, xogar, simplemente.
Obxectivos
Ve-la actividade física como un momento de disfrute e expansión.
Percibi-las Casas do Pobo e a súa contorna máis próxima, espazos e actividades como un lugar propio para desenvolve-los seus momentos de xogo e divertimento.
Coñecer e aplicar normas de convivencia nos espazos compartidos.
Desenvolver valores de colaboración, o respecto á diversidade, o coidado do medio.
Potencia-la creatividade e a expresividade.
* Diverarte :
Os nenos e nenas teñen unha creatividade e expresividade innatas, polo que non temos que impoñe-los nosos conceptos adultos sobre as imaxes plásticas, pois deste xeito inhibiríamos a autoexpresión dos pequenos. Hai que darlles as suficientes oportunidades e motivación para desenvolver estas capacidades.
Diverarte pretende achegar o mundo das artes aos nenos/as de Nos como o teatro, a música, a danza, a pintura,...actividades que darán aos/ás participantes, unha visión diferente do mundo artístico e axudarán a crear un público con criterio
Obxectivos
Descubri-las técnicas básicas para expresarse artisticamente
Conseguir un control adoitado da súa motricidade fina, así como, unha axeitada coordinación óculo-manual, a través de experiencias plásticas e audiovisuais
Desenvolve-la creatividade, a capacidade de xeralización e a inventiva
Acadar unha actitude de apertura e interese cara novas posibilidades expresivas
Traballar unha actitude de colaboración e diálogo cos compañeiros e de respecto e coidado cara o material
* Divernatura:
Cada neno e nena, terá a oportunidade de aprender xogando dun xeito divertido e ameno distintas cuestións relacionadas co mundo natural. Poñeranse a disposición dos participantes as ferramentas necesarias para comprender e respectar o noso medio natural e a posibilidade de facer saídas que axuden a interpretar o medio natural que lles resulta mais familiar.
Obxectivos
Favorecer o coñecemento dos problemas ambientais que afecta tanto ao propio contorno coma ao conxunto do planeta.
Observar e explorar o contorno inmediato con curiosidade e coidado
Fomentar a cooperación no grupo e a resolución pacífica de conflitos
Favorecer prácticas cotiás respectuosas co noso medio natural.
Destinatarios/as
Están previstas fundamentalmente para os picariños e picariñas da Escola Infantil O Vilar de Nos, ainda que tamén poden acudir tódolos nenos/as da zona que queiran.
Monitoraxe
As sesións estarán levadas por educadores e educadoras especializados en xogos, artes plásticas, e educación ambiental con experiencia con pícaros/as.