Asset Publisher

Back Declaración institucional do Goberno municipal da Alternativa dos Veciños con motivo do 40 aniv

O pleno do Concello de Oleiros aprobou, na sesión celebrada o 25 de febrero, unha declaración institucional do Goberno municipal da Alternativa dos Veciños con motivo do 40 aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática. O texto di o seguinte:

Este sábado, 27 de febreiro de 2016, cúmprese o 40º aniversario da proclamación da República Árabe Saharaui Democrática e o Concello de Oleiros quere sumarse a este acontecemento histórico e amosar un ano máis o seu firme compromiso co Pobo Saharaui.
As choivas torrenciais caídas en outubro de 2015 nos campamentos de poboación refuxiada saharaui afectaron a máis de 90.000 persoas, 25.000 dos cales perderon os seus fogares e quedáronse sen alimentos, segundo denunciou a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados.
Diversas investigacións levadas a cabo polo Instituto Hegoa da UPV-EHU e a Sociedade de Ciencias Aranzadi, co apoio de Euskal Fondoa, aportaron novas probas sobre desaparicións forzosas e bombardeos á poboación civil saharaui a mans do goberno de Marrocos. Ademais, estas averiguacións están sendo útiles na investigación da querela por xenocidio contra o Pobo Saharaui e nas demandas de verdade, xustiza e reparación.
Por todo iso, o Concello de Oleiros manifesta o seguinte:
1. Reafirma o seu recoñecemento ao lexítimo goberno da República Arabe Saharauí Democrática e o Frente POLISARIO, manifestando unha vez máis o dereito de autodeterminación que legalmente asiste a este pobo. Así mesmo pídelle ao Goberno de España que lle dea o estatus diplomático á representación do Frente POLISARIO en España, único e lexítimo representante do Pobo Saharaui, recoñecido así pola ONU.
2. Insta ao Goberno de España e á comunidade internacional a que promovan todas as iniciativas políticas que sexan necesarias para lograr unha solución xusta e definitiva, mediante a celebración dun referendo, conforme ás resolucións de Nacións Unidas.
3. Insta ás autoridades marroquís a que cesen as persecucións contra os e as activistas saharauis de dereitos humanos, a que liberen aos presos políticos saharauis e esclarezan o destino de máis de 400 persoas saharauis desaparecidas.
4. Insta ao Estado Español a que asuma a súa responsabilidade histórica e traballe activamente dentro da Unión Europea e aproveite a súa presenza en el Consello de Seguridade de Nacións Unidas para que a MINURSO vexa ampliado o seu mandato á vixilancia dos dereitos humanos no Sáhara Occidental.
5. Reafírmase no seu compromiso de traballar tanto nos campamentos de poboación refuxiada en Tinduf (Arxelia), como nos territorios ilegalmente ocupados por Marrocos como mostra do apoio maioritario da sociedade  oleirense á lexítima loita do Pobo Saharaui pola súa liberdade.
6. Agradece sinceiramente a colaboración desinteresada e a xenerosidade dos cidadáns e das cidadás oleirenses, que fan posibles proxectos de cooperación co Pobo Saharauí.