Novas

Asset Publisher

Back Retómase a programación do Servizo de Normalización Lingüística nos colexios públicos do Concel

 

• O alumnado dos CEIP coñecerá a Luís Seoane a través dos contos


Oleiros, 16 de marzo de 2011-. Os centros de ensino de primaria do Concello recibirán desde mañá diferentes actividades da programación de dinamización lingüística que o Servizo de Normalización Lingüística elaborou para o alumnado de primaria e que comezara no mes de novembro co deseño da carta aos Reis Magos.

O CEIP Valle Inclán será o primeiro que acollerá este mércores Contos con Arte: Luís Seoane, da empresa Crearte. Esta actividade é un divertido xeito de coñecer a Seoane da man de Pablísimo e os seus contos, nos que os personaxes das pinturas de Seoane saen do lenzo para se converter en protagonistas de fascinantes historias que falan do mar, de cores e liñas que se perseguen polo lenzo e de moitas outras aventuras. Un contacontos que está orientado para os primeiros cursos de primaria e que tamén vai estar nos outros centros públicos do Concello.

Así mesmo, para o alumnado de 6.º de primaria, haberá unha actividade similar para dar a coñecer a figura de Rosalía de Castro, mais a través de xogos e recitais, adaptado para o último ciclo de primaria e o primeiro da ESO.

E o día 5 de maio, o alumnado de 3.º, 4.º e 5.º de primaria poderá asistir ao espectáculo Camiño de historias, no auditorio Gabriel García Márquez. Esta actuación de Migallas Teatro está constituída por varias historias de tradición oral, procedentes de distintos continentes e enlazadas mediante cancións e ditos populares, co fin de difundir a literatura popular infantil de Galicia.

A través desta programación, o Concello quere promover o uso da lingua entre os nenos e as nenas, dar a coñecer a arte e a literatura de Galicia e crear unha actitude positiva cara ao galego.