Oleiros, 8 de maio de 2012.- O Concello de Oleiros énchese de teatro nas vésperas do 17 de maio con tres espectáculos dirixidos a toda a sociedade no auditorio Gabriel García Márquez, de Mera. Estes espectáculos están organizados polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello, con motivo do Día das Letras Galegas e con eles preténdese promover o uso da lingua.
Mañá pola mañá é a quenda dos nenos e das nenas de 2º, 3º e 4º de primaria dos centros de ensino público do Concello, onde Migallas Teatro representa E se o cantamos?. Unha obra de teatro que trata diferentes temas como a situación do galego e do castelán (pais e nais que falan en galego entre eles e en castelán cos/as fillos/as); os xogos colectivos e tradicionais fronte aos videoxogos; a violencia e a publicidade na televisión; xoguetes bélicos e sexistas; a importancia da música e do baile; e ecoloxía, etc. Para facer un espectáculo dinámico, mestúranse cancións con teatro, deste xeito, os nenos e as nenas divírtense á vez que aprenden e utilizan a lingua.
O xoves representarase Un avó especial para o alumnado de 5º e 6º dos CEIP do Concello. Unha obra de Migallas Teatro que trata o tema da enfermidade do Alzheimer desde un punto de vista optimista, mostra en clave de comedia cuestións universais como a importancia da relación entre os avós e os netos; os diferentes modos de educar os rapaces e as rapazas (nenos/as consentidos/as, normas, castigos, premios...); a importancia de transmitir a lingua e a cultura propias; o valor da literatura infantil de tradición oral (ditos, cancións, xogos...) como ferramenta educativa e de lecer para os galegos e as galegas do século XXI, etc.
O venres pola mañá, ás 11.00 horas os rapaces e as rapazas dos tres institutos do Concello poderán ver Verbum Fahrenheit. Unha obra de Limiar Teatro e de Verbum Casa das palabras que está inspirada na obra de Ray Bradbury. Verbum Fahrenheit é a historia de dous homes, dous presos que comparten un mesmo delito: ler. Ler nunha sociedade onde a lectura está prohibida e os libros son queimados por bombeiros incendiarios. Esta obra está construída en base a textos canónicos da literatura galego-portugesa de grandes autores como Camões, Pessoa, Blanco Amor, Manuel Antonio, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Cabanillas, Rosalía de Castro…
E xa para finalizar, o sábado haberá esta mesma obra, Verbum Fahrenheit, para o público en xeral, tamén no auditorio Gabriel García Márquez, ás 20.30 horas e cun prezo de 2,5 euros.