Novas

Asset Publisher

Back O SNL publica as persoas gañadoras do Premio Literario Descubrindo Oleiros

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello organizou o IX Premio Literario Descubrindo Oleiros, unha proposta que procura poñer en común promover a lingua e dar a coñecer o municipio. Este premio estaba orientado a todos os rapaces e rapazas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria e de ESO, mozos e mozas de 16 e 17 anos e persoas adultas empadroados/as no Concello de Oleiros, establecéndose seis categorías, atendendo á idade das persoas participantes.

Unha vez recibidos e lidos os 164 relatos, o xurado, atendendo á corrección lingüística, á calidade textual e á orixinalidade conceden os premios ás seguintes persoas segundo as categorías ás que pertencen.

Na primeira categoría, na que participaron 81 nenos e nenas, resultou gañadora Zoe Carbajo García, de 4º de primaria do CEIP A Rabadeira, polo seu relato As fadas da luz. Nesta categoría, outórgase tamén un accésit a Vega Fernández Coello, de 3º de primaria do CEIP Juana de Vega, polo seu relato O meu fogar perfecto.

Na segunda categoría, presentaron os seus relatos 54 alumnos e alumnas,  e o xurado decidiu que pola súa orixinalidade fose a gañadora Mencía González Blanco, do CEIP Luis Seoane, polo seu relato A familia Oleiros.

Na terceira categoría, presentáronse 23 textos e resultou gañadora Emma Villamor Redondo, de 1º de ESO do IES Miraflores, polo seu texto O Castro de Xaz. E nesta categoría tamén se dá outro accésit a Uxío Fernández Paz, de 1º de ESO do IES Miraflores, polo conto Que historia pode ter Oleiros?

A cuarta e a quinta categoría, quedaron desertas porque non se presentou ningún texto.

E na 6ª categoría, presentáronse 6 textos e gañou Destino, de Rebeca María Varela Garea. O xurado tamén quixo facer unha mención especial, sen premio, pola súa orixinalidade e o bo desenvolvemento da historia ao relato Un final previsible, de Pedro Santiago López Caamaño.

Proximamente avisarase da data de entrega de premios, un vale de 200 euros para comprar libros e material escolar en librerías do municipio e o establecemento Quercus.