Novas

Asset Publisher

Back O Concello organiza Pelos na lingua para celebrar as Letras Galegas este sábado

• Hoxe máis de 300 escolares viron a obra

• Mañá tamén haberá unha exposición sobre a historia da lingua e os dereitos lingüísticos no auditorio

Oleiros, 13 de maio de 2011-. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros organizou unha obra de teatro para celebrar o Día das Letras Galegas. A obra Pelos na lingua de Talía Teatro é unha comedia que fai reflexionar ao público sobre a situación da lingua galega, mais o que se busca é entreter, rir e divertir as persoas espectadoras.

Hoxe foi o público máis novo o que tivo ocasión de ver a representación teatral, á que acudiron máis de 300 escolares dos tres institutos do concello. Mañá sábado repetirase unha sesión para o público en xeral, ás 20.30 horas no auditorio Gabriel García Márquez de Mera. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade da sala. As portas abriranse ás 19.30 horas para que as persoas que o desexen poidan ver unha exposición sobre a historia da lingua e os dereitos lingüísticos organizada pola Deputación da Coruña e o Servizo de Normalización do Concello. Esta exposición leva no Concello desde o día 1 de maio e estará ata o sábado, xa que estivo exposta nos tres centros de secundaria ao longo destas dúas semanas.