Asset Publisher

Back O Concello lembra a Vidal Bolaño

Oleiros, 25 de abril de 2013- A Concellería de Cultura e Normalización Lingüística comeza a súa programación dedicada ás Letras Galegas, onde destaca a programación desta fin de semana, coa representación de Criaturas. Esta obra de teatro, gañadora do Premio Eixo Atlántico en 1999, o Premio María Casares da Asociación de Actores e Actrices de Galicia de 2000 e o Premio MAX da Sociedade General de Autores en 2001, poderá verse este sábado 27 de abril ás 20.30 horas no auditorio Gabriel García Márquez de Mera para o público en xeral. Así mesmo, mañá, 26 de abril terá ocasión de coñecer a obra de Vidal Bolaño o alumnado dos institutos do Concello en horario escolar.

Nesta representación, Teatro do Aquí reproducirá o espectáculo tal e como Roberto o dirixiu no seu momento. O elenco está integrado por Belén Constenla, Vicente de Souza, Marcos Orsi e Xoán C. Mejuto. Esta comedia trata de indagar e poñer ao descuberto, o que a razón ou a civilización podían ter producido de monstruoso en nós, ou nos que nos rodean. Nesas personaxes anónimas, cotiás, coas que nos cruzamos cada día no paso de peóns, á volta da esquina, ou na cola do súper ou do cine e coas que nos relacionamos con toda naturalidade.

Criaturas é unha obra para maiores de 12 anos. Para asistir á obra poderase comprar a entrada cun prezo de 3,5 euros desde as 19.30 horas o día da función.

As Letras durante o mes de maio

Esta fin de semana comezan as actividades dedicadas ás Letras Galegas, pero ao longo de todo o mes de maio van ser moitas as actividades que se van realizar para homenaxear estas datas.

Ademais desta obra de teatro, a Concellería de Cultura e Normalización Lingüística organizou outra representación de Vidal Bolaño para o día 11 de maio, Anxeliños, da compañía Espello Cóncavo.

Así mesmo, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello organizou dúas obras para os centros de ensino, A folla máis alta, de Berrobambán e Malas palabras, de Katarsis. Berrobambán actuará o 14 de maio para os nenos e nenas de 3º e 4º de primaria dos centros de ensino do Concello; así mesmo, o 21 de maio, Katarsis representará a súa obra para 5º e 6º de primaria.

O día 15 de maio, tamén se vai facer unha homenaxe a Roberto Vidal Bolaño na rúa dedicada a el neste Concello, situada en Perillo, nais inmediacións do CEIP Valle Inclán, onde coa colaboración do centro, farase un acto para lembralo e dálo a coñecer entre o alumnado máis novo.

Por outra banda, continuará a representación de teatro-foro A saúde da lingua, de Manicómicos, nos institutos do Concello o 6 e o 27 de maio no IES María Casares, xa que no IES Neira Vilas xa se representou o pasado 15 de abril.

O 13 de maio, os institutos María Casares e Neira Vilas tamén van participar no Correlingua da Coruña, para os que lle facilitamos o transporte para que participen nunha actividade que reúne a alumnos e alumnas de toda Galicia.
Durante o mes de maio son moitas as actividades que se desenvolven no Concello, o Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais tamén organizou unha programación tanto para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño como para promover a animación á lectura. Entre os dous departamentos, o Sistemas de Bibliotecas Públicas Municipais e o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración co IES Miraflores organizaron o Roteiro cultural e literario, dedicado a Francisco Miguel e Syra Alonso, Marcial del Adalid e Fanny Garrido e a Francisca Herrera.

Dentro da programación das bibliotecas destacan a conferencia sobre Roberto Vidal Bolaño para os institutos do concello; o obradoiro de teatro de Roberto Vidal Bolaño, con Rubén Ruibal; dous contacontos teatralizados de Trinke Trinke “Que traballo dan os pequenos” e “Un nacemento especial”; un obradoiro infantil de poesía con Yolanda Castaño; obradoiros de ilustarción con Marina Seoane; un encontro con Marcos Calveiros para falar da súa obra O pintor do sombreiro de malvas; obradoiros de banda deseñada con Manuel Cranio; contacontos con Paula Carballeira e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, con Soledad Felloza.

Todas estas actividades engádense ás actividades anuais da biblioteca e ás dos distintos departamentos, xa que as letras galegas vívense durante todo o ano no Concello, pero estas datas son boas para lembrar ás persoas homenaxeadas e o uso da lingua.