- Infantil (nenos-as de 10 anos en adiante):
"Mundo Arb" de Manuel Lourenzo González en SM Xerme, Premio O Barco de Vapor 2011A comunidade ARB está formada por seres humanos que habitan nas pólas das árbores. Estes seres, denominados arborenses, están convencidos de que non existe outro mundo máis que o deles, ata que un día, un grupo de mozos decidíu emprender unha viaxe que os levará lonxe da súa terra e na que realizarán un descubrimento especial que cambiará a vida do seu pobo para sempre.
Mundo Arb é un relato de viaxes e aventuras, que defende a natureza e o deber de conservala, pero tamén unha homenaxe á loita polo coñecemento humano e á amizade.
- Mozos-as e adultos-as:
"El ruido de las cosas al caer" de Juan Gabriel Vásquez en Alfaguara, Premio Alfaguara de Novela 2011 e Finalista ao Premio Médicis 2012

Na Colombia de 1994 a 1996, Antonio Yammara coñece a Ricardo Laverde xogando ao billar e axiña sabe que estivera preso uns 20 anos. Yammara comeza a interesarse por el, e ese interese convértese en obsesión o día en que é asasinado, momento no que tamén Yammara queda ferido grave. Unha vez que se recupera, empeza unha investigación que o trasladará aos anos 70, cando unha xeración de mozos e mozas foi testemuña da aparición dun negocio delituoso que traería problemas mundiais: o narcotráfico.
O título da obra refírese ao ruído das bolas no billar, ao ruído que producen os avións ao caer, xa que a vida do protagonista está marcada por avións que caeron accidentalmente e segundo nos di o autor, tamén é unha metáfora de como cae a vida da xente, os seus proxectos familiares e todo un país dominado pola droga.
O tema principal é a historia dunha amizade frustrada, xunto cunha historia de amor en tempos convulsos, e, como nos di a editorial, unha radiografía dunha xeración atrapada polo medo.
Recomendacións feitas no programa semanal que podes ESCOITAR en "Todo, todo está nos libros", emitido en Radioleiros (101.5 FM) ás 13, 15 e 17 horas.