|
Colofón aos grupos de Tertulias Literarias da Biblioteca de Santa Cruz desta tempada
O xoves 12 de xuño, ás 17:30, na finca das Torres de
Santa Cruz, realizamos unha actividade que puxo fin ao curso 2024-2025 dos tres grupos de tertulias da Biblioteca Rosalía de Castro (Santa Cruz).
Levou por nome Paseo Sensorial. Durante todo curso, o sentido que se traballou foi o da vista, a través da lectura. Ás veces, os outros sentidos quedan anulados, por iso, a través desta actividade, quixemos potenciar os outros:
O tacto e o olfacto: tocamos as árbores cos ollos pechados e ulimos a súa fragrancia para despois intentar identificalo coa vista. Cada persoa foi acompañada por 2 compañeiras-os para evitar caídas.
O oído: tamén co sentido da vista inutilizado, permanecimos en silencio para escoitar paxaros e ver se somos quen de adiviñar de que ave se trata ou se se escoitan chíos distintos. Para isto botamos man dunha aplicación para facelo máis doado.
Despois agudizamos o intelecto cun xogo:
Repartimos unhas plantillas cos títulos de lecturas compartidas polos 3 grupos. Escoitamos atentamente poemas que se leron durante as sesións deses libros e tivemos que acertar a cal pertence.
Para que cada quen exprese as sensacións producidas durante o paseo de forma íntima, animamos ás-aos participantes a realizar un haiku previa explicación da súa técnica.
Finalizamos o paseo coa lectura dun texto sobre a importancia da literatura e de ler.
Rematada esta experiencia, pasamos á Casa da Gardesa para poñer a traballar o sentido do gusto e aproveitamos o momento para entregar as pezas de barro que se fixemos no obradoiro “Arte para os teus libros” o 22 de maio.
Moitas grazas pola vosa participación e entrega nesta xornada que puxo a rama de loureiro da xeira de tertulias do mellor xeito posible: con todos os sentidos!