Oleiros, 3 de novembro de 2013-. O grupo de Goberno presentou na sesión plenaria ordinaria correspóndete ao mes de outubro unha moción instando o Goberno do Estado a aprobar unha reforma na lexislación do solo hipotecario. O obxectivo desta iniciativa é introducir un novo epígrafe na lei reguladora para fixar un límite á variación tipo de interese nos casos en que o ben hipotecado sexa a vivenda familiar.
A crise golpeou gravemente a milleiros de familias con créditos e préstamos hipotecarios contratados en España. A propia oscilación de tipos, unida ás particulares circunstancias económicas da actualidade están a provocar un auténtico drama social.
En época de tipos baixos, que poderían chegar a supoñer un alivio ás economías familiares, os consumidores non poden beneficiarse das baixadas debido a unhas cláusulas engadidas nos seus préstamos que limitan a variación á baixa dos tipos de interese impedindo, con grande alarma social, a translación efectiva da redución dos tipos de interese oficiais.
A sentenza do 9 de maio de 2013 do Tribunal Supremo determinou a nulidade das cláusulas solo en contratos de préstamo hipotecario, pero as entidades non condenadas nesta sentenza continúan aplicando ditas cláusulas, o que xera unha indesexable situación, como é a pervivencia nunha grande parte do sector hipotecario español dunha cláusula acreditada como nula.
Porén é necesario establecer os mecanismos lexislativos oportunos para emendar a situación descrita, evitando un importante aumento da litixiosidade e da carga do sistema xudicial e clarificando tanto o panorama xudicial como a situación de milleiros de hipotecados.
Outra moción sobre a grave situación que vive o Norte de África e Oriente Próximo
Ademais, da moción sobre o solo hipotecario, o grupo de Goberno presenta outra iniciativa que esixe o compromiso do Goberno do Estado coa situación que se está vivir na zona do Magreb e en Oriente Próximo. Deste xeito solicítase ao executivo central que, no marco das súas relacións bilaterais cos gobernos do Norte de África e Oriente Próximo sitúe o respecto e a protección real e efectiva dos dereitos humanos no centro de toda iniciativa. Así mesmo, pídese ao goberno español que adopte medidas como garantir un tratamento prioritario dos problemas de dereitos humanos nas relacións bilaterais de España e da UE con estes países; levar a cabo unha revisión exhaustiva, caso por caso, de todas as transferencias e exportacións de armas á rexión, e suspender e denegar aquelas transferencias de armas sobre as que existe un risco substancial que se utilizarán para cometer ou facilitar violacións de dereitos humanos ou promover a cooperación destes países cos mecanismos de dereitos humanos das Nacións Unidas.