Os dous de sempre, de Mofa & Befa, dirixida por Quico Cadaval, chega ao auditorio Gabriel García Márquez este sábado 3 de setembro ás 20:30 horas.
Os dous de sempre, de Castelao, chega a Mera convertida nunha obra de teatro da man Evaristo Calvo e Víctor Mosquera, o famosísimo dúo de actores cómicos que forman parte xa do río do humor galego.
Os protagonistas Pedriño e Rañolas son contraditorios, extremos, antagónicos, polarizados…mais amigos. Un é o arriscado soñador (unha forma do idealismo) e o outro é un pusilánime (unha forma do materialismo). Esta oposición entre corpo e alma, entre estómago e corazón aparece noutras parellas famosas, como Quixote e Sancho Panza, en Jacques o Fatalista e o seu patrón ou Don Celidonio e o Doutor Alveiros, de Risco. Pedriño e Rañolas entran neste selecto club, unidos a unha manchea de pallasos anónimos, artistas populares que correron as festas e romarías e que Castelao admirou con compasivo humor.
Os dous de sempre son como irmáns siameses, un corpo que se escinde polo bisturí do doutor Castelao, e que andan os dous polo mundo, incompletos, tentando reencontrarse e conformar de novo un corpo único, harmónico, no que unha parte rouba mazás, e outra; cómeas.
O espectáculo está dirixido público adulto (maiores de 13 anos) e o
custe da entrada é de 4,00 euros. A compra anticipada está dispoñible
a partir do domingo 27 de setembro ás 12.00 horas a través de https://www.giglon.com/todos?idEvent=mofa-befa-os-dous-de-sempre
ata ás 19.00 horas do sábado día 3 de outubro, e na billeteira do
auditorio desde unha hora antes do comezo de cada espectáculo. O
pagamento na billeteira só se poderá realizar a través de tarxeta
bancaria.