PROGRAMACIÓN DE ESPECTÁCULOS DA REDE CULTURAL DA DEPUTACIÓN 2026
Dirección: Quico Cadaval
Dramaturxia: Carmen Varela
Elenco: Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Josito Porto
Xénero: comedia
Duración: 99 min
Público: adulto (maiores de 13 anos)
Sinopse: Moita xente, cando escoita a expresión “Os Dous de Sempre”, no primeiro que pensa é en Mofa e Befa. E a Castelao non lle parece mal. O dúo cómico fundado hai trinta anos por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira son parte do fecundo río do humor galego que ten a súa fonte nos bufóns e no escarnio medievais, e ao que tamén pertence o humor de Castelao. Mofa e Befa pertencen á estirpe dos pallasos de circo, dos artistas do cinema mudo, dos canallas do cabaré. Agora decídense a encarnar dúas personaxes de papel, concibidos por un humorista gráfico: Os Dous de Sempre.
Pedriño e Rañolas son contraditorios, extremos, antagónicos, polarizados…mais amigos. Un é o arriscado soñador (unha forma do idealismo) e o outro é un pusilánime (unha forma do materialismo). Esta oposición entre corpo e alma, entre estómago e corazón aparece noutras parellas famosas, como Quixote e Sancho Panza, en Jacques o Fatalista e o seu patrón ou Don Celidonio e o Doutor Alveiros, de Risco. Pedriño e Rañolas entran neste selecto club, unidos a unha manchea de pallasos anónimos, artistas populares que correron as festas e romarías e que Castelao admirou con compasivo humor.
Os Dous de Sempre son como irmáns siameses, un corpo que se escinde polo bisturí do doutor Castelao, e que andan os dous polo mundo, incompletos, tentando reencontrarse e conformar de novo un corpo único, harmónico, no que unha parte rouba mazás, e outra, cómeas.
Venda anticipada a partir do domingo 27 de setembro ás 12.00 horas a través de https://www.giglon.com/todos?idEvent=mofa-befa-os-dous-de-sempre ata ás 19.00 horas do sábado día 3 de outubro.
As entradas en billeteira física poderán collerse a partir das 19.30 horas.
Sábado 3 de outubro
20:30 horas
Auditorio Gabriel García Márquez (Mera)
4,00 €