Back 28X de 2024. Manifesto «Oleiros, orgullosamente diverso»

Nesta publicación recóllese o manifesto 'Oleiros, orgullosamente diverso', no marco de conmemoración do 28 de xuño de 2024, Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+

Un ano máis, desde o Concello de Oleiros, queremos conmemorar este 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+.

Si, o 28 de xuño é un día para a celebración e reivindicación de todos os dereitos acadados ao longo de décadas e décadas de loita colectiva e acción social; loita colectiva e cidadá, si, porque cada paso e cada dereito tivo que ser pelexado, ninguén regalou nada.

E si, é innegable que, por mor de xeracións e xeracións de persoas comprometidas, vivimos nunha sociedade máis libre, diversa e igualitaria, onde adolescentes e crianzas están máis preto de vivir como queren facelo, de desfrutar da súa vida con maior liberdade, con menor odio, discriminación, presión social, prexuízos e estereotipos. E cara aí debemos seguir camiñando, sen que ninguén nin nada nos pare.

Pero este día de celebración e reivindicación, vese empañado polo aumento dos discursos de odio. Os delitos de odio cara as persoas LGTBIQA+ aumentaron nun 70% desde o 2019[1], e na actualidade un 23% de todos os delitos de odio teñen que ver coa orientación sexual, a identidade ou a expresión de xénero[2].

O máis grave de todo é que a violencia cara as persoas LGTBIQA+ lexitímase e seméntase  desde moitas das propias institucións públicas e partidos políticos, e iso é intolerable! Censuran obras de teatro, películas, publicacións, seccións enteiras en bibliotecas, arrancan bancos coa bandeira, retiran bandeiras de edificios públicos, suspenden programas educativos, sementan odio. Basta xa!

O odio, vainos atopar de fronte! Os dereitos LGTBIQA+ son dereitos humanos e, como tal deben ser tratados.  

Porque queren facernos ver que a diversidade é un problema social, cando a diversidade é cultura, é riqueza, é benestar social. Queren afundirnos no gris! E non o van conseguir, porque o progreso social é imparable, o noso compromiso político e social vai niso. Non nos van calar!

Sendo conscientes que a única forma de erradicar o odio e os seus discursos é a través da acción social, a colectividade e as redes de apoio mutuo e que a LGTBIfobia é unha vulneración dos dereitos de todas e todos, un ataque ao avance social, ao benestar, ao progreso e á igualdade, desde o Concello de Oleiros facemos un chamamento social a continuar na loita contra calquera vulneración dos dereitos humanos, animando a actuar e denunciar ditas violencias. Reafirmamos o noso compromiso na loita e na conquista!

Porque a igualdade na diversidade constrúese a partir do traballo de toda a sociedade, artellando unha comunidade máis xusta, igualitaria e diversa.

Porque Oleiros é loita

Oleiros é orgullo

Oleiros é igualdade

Oleiros é diversidade

Oleiros, orgullosamente diverso!

 


[1] Dato do Ministerio del Interior

[2] O mesmo, dato do Ministerio del Interior