Oleiros, 1 de outubro de 2021-. O teatro das Torres de Santa Cruz acolle o vindeiro martes día 5 de outubro, ás 20:00 horas, a presentación do libro Gogobán y la pulsera misteriosa de Zhienia Maisak. Ademais da propia autora, na presentación participará o axente editorial Manuel G. Ponte e do profesor Pablo Fuentes Trigo.
Zhienia Maisak é bielorrusa, pero desde hai cerca de vinte anos vive en Galicia. Licenciada en Filoloxía Hispánica tanto pola Universidade Lingüística de Minsk como pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde os nove anos escribiu e ilustrou os seus propios libros, máis tarde, sendo estudante, comezou a escribir artigos para un dos principais xornais do seu país Vecherny Minsk.
Gogobán y la pulsera misteriosa preséntanos a Fénix, un neno de nove anos que vive nunha localidade da costa galega e que atopa unha pulseira doutra galaxia. Desde ese momento a vida de Fénix e os seus amigos cambia para sempre... É unha obra que recomendamos para nenas e nenos a partir de 10 anos. A historia xurdiu dos contos que lle contaba ao seu fillo Alberto. Os seus personaxes están inspirados en Alberto e nos seus amigos.