Hemeroteca

Asset Publisher

Back Xa poden reservarse prazas para os obradoiros infantís nas bibliotecas de Oleiros

 Oleiros, 16 de setembro de 2022-. De aquí a fin de ano celebraranse nas bibliotecas municipais de Oleiros os obradoiros creativos e científicos para público infantil. É unha actividade pensada para nenas e nenos de máis de 6 anos nas 7 sedes da rede ás 17:30 horas e é preciso facer unha reserva previa, que pode realizarse por teléfono.

 
Os obradoiros comezan o 20 de setembro na biblioteca de Oleiros, onde tamén haberá sesións o 27 de setembro, o 4 de outubro e o 8 de novembro. En Mera serán o 7 de outubro e o 25 de novembro; en Perillo o 13 de outubro e o 17 de novembro; en Santa Cruz o 5 de outubro e o 9 de novembro; en Nós o 11 de novembro; en Dorneda o 26 de setembro e o 7 de novembro e en Lorbé o 10 de novembro.
 
As persoas participantes poden apuntarse persoalmente en cada biblioteca ou chamando por teléfono entre dez días antes e a data de comezo de cada actividade. Un programa que se impartirá por persoal que fai parte dos equipos de Ciencia Divertida, A Nube de Artear, Pedras de Papel, Heroes para a Ciencia e Dinamo Xestión de Actividades Socioculturais, ademais de contar tamén co Mago Albert.
 
Estas sesións creativas e de divulgación científica son actividades prácticas e lúdicas, promovendo a ciencia creativa, realizando sinxelos e divertidos experimentos, ou construíndo pequenos obxectos con materiais de reciclaxe, para incentivar a creatividade e a curiosidade. Algunhas das sesións están apoiadas pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia a través do programa Ler conta moito.
 
 
back link