A organización pretendía censurar a campaña informativa levada a cabo polo Concello en 2024 nos paneis luminosos, onde se amosaba unha imaxe de Benjamin Netanyahu xunto á de Adolf Hitler baixo o lema "MESMAS BESTAS ASASINAS". O obxectivo daquela acción era denunciar o xenocidio que o Goberno de Israel está a cometer contra o pobo palestino.
A xustiza, agora de xeito firme, ampara a actuación do Concello de Oleiros en base ao dereito fundamental á liberdade de expresión e á crítica política recollidos na Constitución española. Ademais, a resolución mantén a obriga para o lobby israelí de facer fronte ao pago de todas as costas xudiciais.
Malia as presións recibidas, incluídas as ameazas veladas vertidas no seu día pola embaixada de Israel contra o alcalde, esta firmeza xudicial reforza a traxectoria de décadas do Concello de Oleiros en defensa da liberdade de Palestina. O Goberno municipal continuará coas súas campañas de sensibilización, programas de cooperación e actos oficiais para denunciar o atroz xenocidio perpetrado polo Goberno de Israel, reafirmando o seu compromiso inquebrantable coa paz e os dereitos humanos.