Hemeroteca

Asset Publisher

Back Volve o obradoiro para as familias con menores adolescentes

 Oleiros, 4 de marzo de 2022-. O luns 7 de marzo abre o prazo de inscrición para un novo obradoiro do programa Familias Inquedas dirixido ás familias con adolescentes. Neste obradoiro ofrécese un espazo onde reflexionar conxuntamente sobre novos escenarios, así como adquirir ferramentas e estratexias para afrontalos, fomentando o desenvolvemento emocional, así como a comunicación sa, fluída e honesta, desde un perspectiva empática.

 
O Obradoiro “Acompañando á adolescencia” está dirixido a familias de Oleiros con menores de 11 a 17 anos de idade. As sesións serán os luns e xoves nas seguintes datas: o 14, 17, 21, 24, 28 e 31 de marzo e o 4 e o 7 de abril. As inscricións serán a través da sede electrónica na web municipal www.oleiros.org, no apartado cidadáns e empresas/trámites en liña, a partir do luns 7 de marzo ás 10:00 h e ata o xoves 10 de marzo ás 23:00 h. O número de prazas é limitado, que se asignarán por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencias as persoas que non participaron nesta actividade en anos anteriores.
 
Será un obradoiro de 16 horas, dividido en 8 sesións en formato presencial que se desenvolverá en Villa Echeverry, as novas instalacións en Perillo de Servizos Sociais e Igualdade. Estará impartido por Sara Vierna, de Almas Meraki, unha profesional con ampla experiencia en traballar con adolescentes e familias temas de educación emocional, igualdade, sexualidade e novas tecnoloxías.
 
Este tipo de obradoiro enmárcase dentro da estratexia de desenvolvemento comunitario de boas prácticas na educación e na crianza no entorno familiar, cun enfoque preventivo de conflitos familiares e de problemáticas que poidan xurdir nos fogares de Oleiros. O contexto actual provocado pola COVID 19 fixo máis necesario que nunca traballar a convivencia e a comunicación na familia, no que a pandemia deixou un pouso de desánimo, desmotivación e apatía na adolescencia. O impacto que provocou en etapas vitais do seu crecemento, sobre todo na parte emocional, obriga con máis sentido que nunca a levar actuacións nesta liña.
 
O Concello de Oleiros segue a apostar por estas actuacións de calidade para as familias, nas que se oferta unha educación consciente que apoia e permite medrar, tanto a adultos como a menores, nunha boa convivencia na que o diálogo estea sempre presente.
back link