Hemeroteca

Asset Publisher

Back Unha gran mobilización esixirá solucións ao Goberno central para os graves problemas da N-VI

Oleiros, 17 de outubro de 2016-. Unha gran protesta veciñal esixirá a fin do abandono ao que o Goberno central ten sometida a N-VI ao seu paso por Perillo. O Concello de Oleiros xa está a traballar nesa mobilización coa que se pretende denunciar a gravidade da situación, que afecta tanto a peóns como a condutores.

Ademais dos continuos fallos do semáforo do Sol y Mar, que este pasado sábado volveu estar inoperativo co consecuente caos circulatorio e cos gravísimos riscos que supón para os peóns, os veciños e veciñas da comarca levan anos sufrindo o embude da ponte da Pasaxe, a inexistencia dunha rotonda e un túnel no cruce do Sol y Mar e a falta de pasos para peóns entre a ponte da Pasaxe e o linde con Cambre.

A ex-ministra de Fomento e actual presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, anunciara aos catro ventos unha ampliación da ponte da Pasaxe que non dá chegado. Igual que tampouco se contratan as obras para levar a cabo o proxecto para o cruce do Sol y Mar aprobado en 2006, que consistiría na creación dun paso soterrado para os vehículos que circulan pola N-VI e unha rotonda en superficie para os condutores da zona e os que se dirixen cara á estrada de Oleiros.

Ademais, o Goberno municipal demandou estes días, novamente, ao Ministerio de Fomento un paso de peóns para a N-VI, á altura da zona comercial do Seixo. Nun tramo de máis dun quilómetro que vai desde a ponte da Pasaxe ata Cambre tan só existe un lugar habilitado para cruzar. Trátase dunha zona moi comercial, na que ademais reside un elevado número de persoas a ambas marxes da estrada. Actualmente, todos eses veciños e veciñas atópanse incomunicados pola inexistencia de pasos de peóns.
 

back link