Oleiros, 22 de novembro de 2016-. O Concello de Oleiros organiza unha visita guiada á exposición “Sorolla íntimo. Bosquexos da serie Visión de España” o vindeiro 1 de decembro. O prazo de inscrición ábrese mañá mércores 23 de novembro e ofértanse un total de 50 prazas para persoas empadroadas no municipio.
Esta exposición mostra por primeira vez ao público 32 bosquexos que Joaquín Sorolla realizou como preparación para a súa obra Visión de España, un dos traballos máis esixentes da súa carreira e dos proxectos máis importantes composto por catorce paneis monumentais sobre as rexións de España que o artista pintou para a biblioteca da Hispanic Society of America.
Durante case unha década, Sorolla viaxou por toda a xeografía española captando in situ a luz, as cores, os costumes, as tradicións, as festas e o traballo das diferentes rexións recreando nos seus lenzos unha visión fundamentalmente plástica e moi persoal de España. O resultado de todos estes anos de traballo foi un conxunto de debuxos e gouaches, que permite asomarse ao propio proceso creativo e coñecer as diversas composicións parciais que, combinadas e superpostas entre si, serviron para construír a complexidade e monumentalidade dos paneis finais.
Pero, xunto ao interese artístico e monumental que os propios bosquexos lle aportan á exposición, na súa sede coruñesa a mostra cobra un sentido especial porque se complementa cun excelente lenzo propiedade do Museo de Belas Artes, O boieiro castelán, o que ademais suporá unha magnífica oportunidade para poder contextualizar a obra que se exhibe nas salas da exposición permanente do museo; así como outros dous lenzos de tema galego que reforzan a significación e a presencia que tivo Galicia na obra do pintor, Gaitero gallego e Tipo de Galicia.
Para obter máis información ou inscribirse, as persoas interesadas poden dirixirse ao Departamento de Cultura (centro cultural A Fábrica, 981 636 598 e cultura@oleiros.org).