Oleiros, 6 de maio de 2014-. Un total de 200 escolares oleirenses participan desde esta semana no programa Aprendemos na Natureza do Servizo Municipal de Educación do Concello de Oleiros, onde en colaboración cos centros de ensino públicos leva máis de 25 anos acompañando a nenos e profesores nunhas excursións de varios días en tempo lectivo para seguir aprendendo, convivindo, e creando vínculos afectivos coa nosa contorna, coa natureza e a cultura rural.
Os alumnos e alumnas cambiarán esta semana as aulas polo medio dos bosques do Courel, ou o interior das cortes dunha Granxa-Escola. Os días 8 e 9 de maio será o alumnado de 4º do Isidro Parga Pondal de Santa Cruz o que iniciará unha viaxe polo Courel que non os deixará indiferentes. Tamén os escolares de sexto curso deste centro visitarán nas próximas semanas os espectaculares bosques de faias e teixos durante 3 días.
Pola súa parte, o CEIP Luís Seoane de Mera visitará a mediados de mes coa Devesa da Rogueira, as aldeas de Vilar, A Seara e Seceda. A actividade rematará en xuño coa participación dos nenos e nenas do CEIP A Rabadeira que se mergullarán na nosa cultura rural na granxa-escola de Barreiros, un equipamento que leva máis de 60 anos de experiencia educativa que lles dará a oportunidade de rapar as ovellas, alimentar os porcos celtas e as vacas, gozarán da galiña de Mos. Así mesmo, poderán pasear polas sendas do Camiño de Santiago.