Oleiros, 29 de agosto de 2016-. Un delincuente ecolóxico asasinou esta fin de semana a única árbore que non fora atacada ata o momento no parque público de Canide. O castiñeiro asasinado apareceu co tronco roto á altura na que remata o titor que o endereitaba e garantía o seu axeitado crecemento.
Un grupo de escolares do Colexio Luis Seoane plantaron en maio varios castiñeiros nesta zona, entre os que estaba a árbore atacada. Hai escasos días o Concello de Oleiros tamén plantou neste espazo público cinco palmeiras que estaban ubicadas anteriormente en Breixo, pero tiveron que ser trasladadas ata este lugar polas obras de construción do carril bici que conectará Arillo e Mera.
Para evitar este tipo ataques contra o patrimonio natural público, o Concello de Oleiros solicita a colaboración veciñal para detectar a estes delincuentes, que sempre actúan con nocturnidade e nas proximidades dalgunha vivenda.