Hemeroteca

Asset Publisher

Back Un poste de Fenosa declarado ruinoso polo Concello pártese en tres e derrúbase sobre a beirarrú

Oleiros, 16 de xaneiro de 2012-. Un dos 5 postes de Fenosa declarado ruinoso polo Concello de Oleiros na avenida Valle-Inclán partiuse en tres pedazos e derrubouse sobre a beirarrúa a madrugada do pasado sábado. O Goberno local leva anos alertando do risco destes postes que se atopan nunha zona densamente poboada e nas inmediacións dun centro de educación primaria moi concorrido. «Se o poste se derrubase de día en horario escolar poderíamos estar falando dunha desgraza», sinalaron fontes do Goberno local.

O Concello de Oleiros, a través da Concellería de Obras Públicas, esixiu de novo esta mesma mañá ao persoal responsable de Fenosa a canalización subterránea do tendido eléctrico nesta vía, tal e como ordena a normativa para este tipo de zona urbana. Ademais solicitou a eliminación inmediata dos outros postes de formigón instalados nesta vía por atoparse en estado ruinoso e representar un perigo inminente para a seguridade cidadá.

Ademais, o Goberno local de Oleiros estuda aplicar sancións administrativas contra a compañía por negarse a eliminar os postes e permitir que un deles se derrubase sobre a vía pública. Esta zona do municipio non é a única afectada pola actitude mantida pola compañía eléctrica en relación á eliminación dos postes, o Concello recordou que similares situacións de risco se viven nas reformadas rúas de Pilar Estévez Diéguez, Manuel Murguía e A Seara, en San Pedro de Nós.



 

back link