Hemeroteca

Asset Publisher

Back Un estudo avala a boa condición física dos maiores de Oleiros

 Oleiros, 9 de decembro de 2014-. O Concello de Oleiros desenvolve desde hai máis de 20 anos actividades para as persoas maiores enfocadas a un avellentamento activo. O obxectivo é que a poboación goce, durante máis tempo, de todas as súas capacidades, tanto a nivel físico como cognitivo, e polo tanto dun maior nivel de benestar e dunha mellor saúde.

 
Este programa é amplo e diverso, contemplando actividades físicas (ximnasia, ioga e natación), estimulación cognitiva (talleres de memoria) e de lecer e tempo libre (o programa de excursionismo e sendeirismo denominado Ven e Descubre). A realidade é que ano tras ano o número de persoas que participan nestas actividades vai medrando e cunha asistencia máis regular e estable pese ao paso dos anos.
 
Agora, un dos retos que había por diante era contrastar cientificamente a impresión que hai: que a realización destas actividades supoñen unha mellora real na condición física das persoas participantes.  Con esta idea decidiuse hai uns anos facer un estudo que permitise valorar a situación de cada persoa ao inicio da actividade, entre setembro e decembro, e a final de curso, nos meses de maio e xuño.
 
Seguindo os criterios marcados por outros estudos similares de universidades de EE.UU. e da Facultade de INEF da Universidade da Coruña, xa avaliados e contrastados, tomáronse as referencias recollidas en distintos aspectos: a forza, a resistencia muscular, a resistencia aeróbica, a flexibilidade, o equilibrio dinámico e o equilibrio estático.
 
Este último ano participaron no estudo un total de 137 persoas, 130 mulleres e 7 homes, cunha idade media de 74 e 76 anos respectivamente. Dos resultados obtidos tras a realización das probas extráense as seguintes conclusións: 
 
As mulleres obteñen niveis superiores aos considerados normais para a súa idade, segundo eses estudos, en varios aspectos: forza resistencia muscular en membros superiores, na resistencia aeróbica e no equilibrio estático. No equilibrio dinámico e na flexibilidade dos membros inferiores os seus parámetros son os da media.
 
Os homes destacan na súa resistencia aeróbica e na forza e resistencia dos membros superiores. O equilibrio dinámico e o estático, así como a flexibilidade nos membros inferiores sitúanse na normalidade.
 
A nivel global as principais melloras observáronse nos apartados de capacidade aeróbica e equilibrio dinámico.
 
Tanto homes como mulleres atópanse en todos os valores por igual ou por riba do considerado a “normalidade” á súa idade, o que é síntoma claro da súa boa condición física.
 
Os resultados deixan patente esta importante mellora na súa capacidade física, o que lles permite manter en condicións óptimas as súas capacidades motrices, tan importantes para poder desenvolver as actividades da vida diaria de forma segura e sen fatiga.
Traballar na horta, facer as tarefas da casa, levar as bolsas da compra, o “levantamento de netos”, dar largos paseos... Son moitas das actividades que as persoas maiores de Oleiros poden desenvolver sen dificultade grazas á realización dunha actividade física, regular e supervisada, que lles permite manter ese bo estado en xeral e unha boa calidade de vida.
Se a todos estes indubidables beneficios, a nivel físico, sumamos que son actividades que se realizan en grupo, fomentando o compañeirismo e fortalecendo as relacións persoais, o resultado é unha poboación maior máis participativa, realizada e activa en todos os ámbitos da vida en comunidade.
 
back link