Segundo explicaron ao Concello, o edificio presenta importantes danos estruturais e numerosas goteiras que afectan diferentes espazos da residencia, ata o punto de que o propio persoal se ve obrigado a utilizar cubos para recoller a auga e colocar sabas ou outros medios improvisados para intentar evitar que as filtracións causen maiores problemas. As persoas traballadoras tamén alertaron do mal estado de diversa maquinaria e equipamentos, así como da falta de determinados equipos de protección individual (EPI) necesarios para desenvolver o seu traballo nas condicións adecuadas de seguridade.
A situación da Residencia de Pousada contrasta co discurso da Xunta sobre a ampliación da oferta residencial para persoas maiores. O Goberno galego xa anunciou ao longo dos últimos anos diferentes obras para o incremento do número de prazas, que non chegaron a materializarse agás aquelas realizadas pola Fundación Amancio Ortega. Mentres, os centros que xa forman parte da rede de atención residencial presentan problemas de conservación e mantemento que non poden ser ignorados, ante o que se require actuacións inmediatas para garantir o benestar das persoas maiores.